| Participação do Escritor e Editor José Rodrigues Vaz, parceiro da EPAR, na Conferência... |
|
Participação do Escritor e Editor José Rodrigues Vaz, parceiro da EPAR, na Conferência “OS GALEGOS EN PORTUGAL”, promovida pela Asociación AIRA DAS MANTAS
“Os galegos en Portugal” este foi o título da Conferencia que impartiu ontem, 5 de decembro de 2009 como estaba previsto, o escritor e mais xormalista D. Manuel Rodrigues Vaz e á que asistiron arredor de 50 persoas, cantidade ésta considerable se temos en conta a mala tarde que ben pouco animaba a saír da casa por mor da continua chuvia que estivo caendo incesantemente. O conferenciante disertou sobre a irmandade de Galicia e Portugal na cultura, no idioma e no modo de ser. Ö longo da súa intervención foinos transmitindo a relación tan achegada que hai entre portugueses e mais galegos, e a pegada tan fonda –se pode dicir- que os galegos deixaron en Portugal, como por exemplo nas Letras e nas Artes, na Gastronomía e na Restauración, no Comercio, na Hixiene, sobre todo a sensación de sermos un Pobo xeneroso, no que salientaba a súa honestidade, a súa fidelidade e o seu espírito de sacrificio que os levou a desenvolve-las máis variadas profesións asalariadas para –ós poucos- iren establecéndose como propietarios de tascas e restaurantes e negociantes mobiliarios. Asimesmo, é salientable o grande número de galegos que chegou a xuntarse en Lisboa, concretamente, uns 80.000 o que significaba 1/5 a poboación desta cidade. Habería que dicir, por último, que o ponente foi quen de mante-la atención dos/das presentes, polo que trala súa intervención foi despedido cuns aplausos que supoñemos, en parte, constituíron o agradecemento do público á súa interesantísima plática. Tamén, estiveron expostos uns debuxos en branco e negro, alusivos ós oficios dos galegos en Portugal que serviron de complemento ó contido da conferencia, e que son obra de Helena Justino (dona do conferenciante), pintora e mais arquitecta, que non puido estar presente por motivos alleos á súa vontade. Como remate, a presidenta da A C. AIRA DAS MANTAS, Dª. María Del Carmen Aldemira Requejo, agasallou ó escritor cunha ola (elaborada polo alfareiro Agustín de Niñodaguia), como tén por costume a Asociación, así como un afiador, tamen en cerámica sobre peana de madeira e cunha placa de agradecemento a Helena Justino pola aportación da súa citada obra. A Asociación tén que agradecer, a ámbolos dous, o grande interés que puñeron para que esta Conferencia e mais exposición foran posible á vez que o detalle que tiveron connosco ó agasallarnos cun exemplar do libro “Os galegos nas Letras portuguesas”, coordinado por el (houbo varios exemplares ó prezo especial de 10 €) e, pola súa parte, Helena Justino, tivo a ben cedérnolas láminas que foron expostas, polo que pasarán a formar parte do Fondo cultural da Asociación, que ós poucos vai medrando. Conferencia sobre “OS GALEGOS EN PORTUGAL” e exposición “OFICIOS DOS GALEGOS EN PORTUGAL”, o sábado 5 de decembro de 2009 ás 18:30 h, no Castelo de Maceda A mesma será impartida polo escritor portugués Manuel Rodrigues Vaz. Versará ésta sobre diversos aspectos dos nosos antergos que se decidiron por busca-lo sustento, no país veciño e irmán PORTUGAL, para si e, por ende, para os que quedaban na nosa Terra. É como el escribiu nunha colaboración que fixo para un xornal portugués, que galegos e portugueses, ou viceversa, son como irmáns ós que os xungue unha lingua con moitisimas semellanzas, aínda hoxe en día (non debemos esquecer que nun principio se denominou galego-portugués) e mesmo uns costumes (xantares sen ir máis lonxe) que os galegos, emigrados aló, sen querelo lles deixaron. Como toda emigración a calquera país, leva aparellada unha consideración –positiva ou negativa en maior ou menor grao, por así dicilo- da poboación autóctona respecto dos inmigrantes que chegan ó seu país en busca dun traballo co que poder subsistir e, se é o caso, conseguir xuntar uns aforros para mandarlle á familia que houbo de quedar, resignada, á espera dunha volta do emigrado ou pola contra poder reunirse no país de acollida, refacendo aló a súa vida (quizás esta solución fora a que menos se deu). En Portugal isto da “etiquetaxe” tamén se deu, mais o conferenciante poida que nos dea a coñece-la importancia e maila pegada dos galegos no seu país. Así pois, a Asociación cultural AIRA DAS MANTAS espera contar contigo para asistir a esta interesantísima conferencia (estamos seguros) que puidemos organizar, grazas –claro está- á inestimable disposición de Manuel Rodrigues para atender, tan amablemente (como xa o fixo coa súa colaboración no nº 1 da revista Alcatruz que editou a Asociación no 2009), a proposta de AIRA DAS MANTAS e poder disfruta-la vila de Maceda da plática deste escritor que está afeito –pois todo hai que dicilo- a impartir conferencias por distintos países. Tamén, estarán expostas na Sala do Castelo, na que terá lugar a conferencia, unha serie de láminas con debuxos, confeccionados en branco e negro, da pintora portuguesa Helena Justino alusivos a distintos oficios que os galegos desenvolveron en Portugal. Engadir, acerca desta, que tamén é licenciada en Arquitectura e que espuxo no seu país, en distintas ocasións, tanto individual como colectivamente. Así mesmo, folga dicir que ó igual que o fixemos co conferenciante non queremos esquecernos de deixar patente neste comentario o agradecemento cara a Helena Justino por ter a ben participar coa súa obra pictórica (posiblemente ela non poida desprazarse e estar presente, como nos comunicou, mais si nos achegou as súas obras) nesta actividade programada pola nosa Asociación. ![]() ![]() ![]() |